A Praia de Carnota, coñecida por ser a máis grande de Galicia, con máis de 7 km de areal sempre foi un dos grandes reclamos do concello de Carnota, pero este ano está a ter un protagonismo especial. A principios da tempada xa se facía ver en varias publicacións especializadas en turismo que a recomendaban como unha das máis seguras contra o contaxio por Covid19. A súa extensión e características fan que sexa máis doado que se poida cumprir a distancia de seguridade. Ademais, é un espazo de inestimable beleza e bo estado de conservación. Sen esquecer que conforma, xunto co Monte Pindo, un LIC (Lugar de Interese Comunitario) e forma parte da Rede Natura.

A pesar de todo isto, agora todas as miradas están postas na Praia de Carnota de noite.  Fotógrafos de gran relevancia e afeccionados buscan a tan esperada fotografía do mar de ardora, un fenómeno natural onde grandes masas de auga emiten unha misteriosa luz azul  e que se produce debido á proliferación dunha bacteria bioluminiscente, asociada ás microalgas de plancto.

Hai uns días, Fins Eirexas conseguía inmortalizar o mar de ardora dende Caldebarcos e compartía con nós a espectacular instantánea.

Nos sucesivos días Manuel Candamo e Aleixandrus tamén conseguían captar novos episodios de ardentía na Praia de Carnota e incluso algún timelapse. 

Coidar e respectar o medio que nos rodea acaba dando estas marabillosas recompensas.

    Foto de Fins Ereixas dende Caldebarcos.

     Foto de Manuel Candamo dende a Boca do Río.