Esta mañá tivo lugar na Confraría do Pindo a presentación do proxecto “Contos do Mar”, un proxecto participativo da Confraría do Pindo e dos concellos de Carnota, Dumbría e Fisterra, que conta co apoio do GALP4.

Abría o acto o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, que resaltou, por un lado, a importancia que teñen proxectos como Contos do Mar para a recuperación e conservación do patrimonio inmaterial, involucrando a población local, neste caso  mulleres de certa idade, así como a importancia de que se consoliden proxectos participativos como este. A continuación intervíu a secretaria da Confraría do Pindo, Mercedes Díaz, realizando unha descripción do proxecto, o cal consta de dúas partes: as “Historias de vida reais” que pretenden poñer en valor o patrimonio inmaterial vinculado á cultura mariñeira a través da recuperación de historias de vida reais contadas en primeira persoa por mulleres dos Concellos de Carnota, Dumbría e Fisterra e que están dispoñibles en vídeo en contosdomar.com e as “Audioguías turísticas con historias ficcionadas” nas que se realiza un itinerario polo pobo á vez que o narrador nos vai guiando e contando a historia ficcionada do que vamos vendo. No caso de Carnota, o recorrido transcorre polo pobo do Pindo, con saída dende a Confraría e finalizando no Porto e ten unha duración aproximada de 40 minutos durante os cales o protagonista, un vello mariñeiro, vainos contando a historia do pobo narrada por de  Miguel de Lira.

En representación do Concello de Dumbría, a técnica de turismo de Dumbría, Ada González comentaba como viviu o proxecto dende o inicio e o valor engadido das audioguías ficcionadas é que son un produto turístico que se pode ofertar ao visitante durante todo o ano e non só en tempada estival.

Por último, o peche correu a cargo do responsable de turismo e Vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que agradeceu a invitación pese a non ser este un proxecto que financiase a Deputación e mostrou o seu apoio a iniciativas como esta que poñen en valor o noso patrimonio, que serven para ampliar a oferta turística e que teñen retorno económico nos concellos.

Unha vez finalizada a parte máis institucional, os asistentes realizaron o paseo audioguiado polo Pindo.