Carnota, ao igual que toda a Comunidade Autónoma de Galicia, entra hoxe, 15 de xuño, na nova normalidade. Coa superación de todas as fases previstas no Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia da COVID-19, quedan sen efecto as medidas derivadas da declaración do estado de alarma adoptadas polo Goberno do Estado e polas súas autoridades competentes delegadas na unidade territorial formada pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Mantense a declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Esta infografía resume, a grandes trazos, o que se pode facer na nova normalidade:

En canto ao uso dos espazos públicos:

  1. Os monumentos e outros equipamentos culturais serán accesibles para o público sempre que as visitas non superen o setenta e cinco por cento da capacidade permitida, calculada respecto da capacidade prevista no correspondente Plan de autoprotección do inmoble ou recinto para os seus espazos pechados e libres.
  2. Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física con uso de máscara.
  3. As visitas de grupos serán dun máximo de ata vinte e cinco persoas, incluído o monitor ou guía, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade ou, na súa falta, medidas alternativas de protección física con uso de máscara.
  4. Na medida do posible estableceranse percorridos obrigatorios para separar circulacións ou organizar horarios de visitas para evitar aglomeracións de visitantes e evitar interferencias entre distintos grupos ou visitas. As zonas onde se desenvolvan traballos de mantemento serán acoutadas para evitar interferencias coas actividades de visita.
  5. Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, no caso de que no establecemento se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, a prestación deste axustarase ao previsto nas condicións para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración.
  1. Os usuarios das praias deberán facer un uso responsable delas e das súas instalacións, tanto desde o punto de vista ambiental como sanitario, cumprindo para iso coas recomendacións, medidas e normas establecidas polas autoridades sanitarias.
  2. A ocupación máxima no uso de duchas e lavapés ao aire libre, aseos, vestiarios e outros servizos públicos similares será de unha persoa, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia, as cales poderán contar co seu acompañante. Deberá reforzarse a limpeza e desinfección dos referidos espazos, garantindo sempre o seu estado de salubridade e hixiene.
  3. A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios, salvo no caso de conviventes.
  4. O Concello poderá establecer limitacións, tanto de acceso como de capacidade das praias, co fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios. Para iso, poderán tamén establecer límites nos tempos de permanencia nelas, así como no acceso aos aparcamentos, en prol de facilitar o control da capacidade das praias. Para os efectos de calcular a capacidade máxima permitida por cada praia, considera-rase que a superficie de praia que vai ocupar cada usuario será de aproximadamente catro metros cadrados.
  5. O Concello asegurará que se realice unha limpeza e desinfección das instalacións e bens das praias, usando para iso substancias que non resulten prexudiciais para o ambiente.
  6. Recordaránselles aos usuarios, mediante cartelaría visible ou outros medios, as normas de hixiene e prevención que se deberán observar, sinalando a necesidade de abandonar a instalación ante calquera síntoma compatible coa COVID-19.
  7. Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, no caso de exista algún tipo de actividade de hostalaría e restauración que se realice nas praias, incluídas as que se realicen en instalacións descubertas, con concesión ou autorización de ocupación ou aproveitamento do dominio público marítimo-terrestre, a prestación do servizo de hostalería ou restauración axustarase ao previsto nas condicións para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración.
  8. Os responsables de negocios de motos acuáticas, hidropedais e de calquera outro elemento deportivo ou de recreo similares deberán cumprir co disposto nas medidas de hixiene e prevención establecidas. Todos os vehículos deberán ser limpados e desinfectados antes de cada uso e, do mesmo xeito, as hamacas ou calquera outro obxecto de uso rotatorio deberán ser limpados e desinfectados cando se cambie de usuario.
En días de moita afluencia poderase restrinxir o acceso ás praias.
  1.  Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada de unha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.
  2. Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal ou, no seu defecto, a utilización de medidas alternativas de protección física.
  3. Deberán aplicarse as medidas de hixiene e prevención establecidas, especialmente no que se refire a proceder diariamente á limpeza e desinfección destes espazos nas áreas de contacto das zonas comúns, tales como xogos das zonas infantís, aparatos de actividade física ou outro mobiliario urbano de uso compartido.

 Lembrámosvos a importancia de cumprir, en todo momento, as seguintes medidas hixiénicas e de prevención do contaxio por COVID-19: 

  • Manter a distancia interpersoal de seguridade de 2 metros cando esteas en calquera lugar con outras persoas.
  • Lavar con frecuencia as mans durante, polo menos, un minuto. 
  • Utilizar a máscara sempre que non sexa posible manter a distancia de seguridade. 
  • En caso de presentar síntomas propios da COVID-19, debes abandonar este espazo, autoillarte e chamar ao centro de saúde ou ao 900 400 116. 

Podedes consultar:

  • O DOG do 12 de xuño,  onde se detallan as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.
  • O DOG do 18 de xullo, onde se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020