Co fin de garantir a seguridade e saúde pública este ano non está permitida a realización de fogueiras de San Xoán en espazos públicos e praias do Concello de Carnota.

Si estarán permitidas as cacharelas en fincas privadas, previa comunicación no Rexistro Xeral do Concello de Carnota de luns a venres de 9.00 a 14:00 horas, ou a través da Sede Electrónica do Concello.

  1. As persoas que desexen realizar unha cacharela, presentarán a solicitude correspondente no rexistro deste Concello antes das 12:00 horas do día 22 de xuño, sinalando o lugar elixido, así como o nome, enderezo e teléfono das persoas responsables da organización, que deberán responsabilizarse de coidar os arredores.
  2. O volume de combustible da cacharela non superará os 8 metros de perímetro nin os 3 de altura e a separación entre as cacharelas e as vivendas e árbores será, como mínimo, de 20 metros.
  3. A cacharela non poderá situarse baixo tendidos eléctricos ou telefónicos e poñerase especial coidado en que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.
  4. Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aerosois, aceites, etc., e en xeral, calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.
  5. En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda cando estean baleiros.
  6. No suposto de que a cacharela se realice sobre terreos de uso público lousado, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm.
  7. Ao rematar a cacharela e antes de abandonar o lugar, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e a pavimentación quede no mesmo estado no que se atopaba antes de iniciarse o lume.
  8. En todo momento deben terse a man medios para a extinción do lume, estar vixiado e quedar perfectamente apagado antes das 6.00 horas do 24 de xuño.
  9. Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o seu desenvolvemento, inmediatamente despois de rematada a cacharela e/ou sardiñada.

O cumprimento das medidas que se indican no bando informativo poderán ser comprobadas polo Servizo de Prevención de Emerxencias, técnicos municipais de Medio Ambiente, Policía Local ou bombeiros.

Ver bando

Descargar modelo de solicitude