No Concello de Carnota seguimos traballando para que o acceso aos puntos de maior afluencia turística como son os accesos ás praias ou aos hórreos de Lira e Carnota se faga de maneira ordenada e evitando aglomeracións.

A cartelería de recomendacións de prevención do contaxio por COVID-19 estase a colocar estes días en lugares estratéxicos do Concello co fin de concienciar a poboación local e visitantes de que o virus segue aí e debemos ser prudentes e respectuosos para evitar contaxios.

Esta cartelería recolle unha serie de recomendación básicas de prevención do contaxio por COVID19 como son o distanciamento social, o uso de máscara ou o lavado frecuente de mans. Leva ademais incorporado un código Qr que reconduce á web do Concello, onde se informa sobre a fase na que se atopa o municipio e o que está permitido nesta fase, así como as especificacións en canto ao uso do espazo. Esta información será actualizada no momento en que se cambie de fase ou que se adopte algunha medida extraordinaria de control de aforo.

Esta mañá quedaban instalados os carteis nos accesos a algunhas praias como a da Boca do Río, Mar de Lira ou Ximprón e continuarase coa instalación nos vindeiros días.

Aproveitamos para agradecer o voso comportamento, exemplar na maioría dos casos ata o momento, e lembrámosvos que non debemos baixar a garda. Protexámonos nós mesmos e aos que nos rodean.