Onte, luns 11 de maio, realizouse unha reunión presencial e virtual entre alcaldes e alcaldesas e persoal técnico de Desenvolvemento Local para estudar o documento que recolle as propostas para un Plan de Acción Municipal elaborado polo persoal técnico de Desenvolvemento dos Concello, a proposta das acaldías.

Trátase dunha proposta:

  • DENDE e PARA os pequenos concellos da Costa da Morte
  • Nun marco de traballo ABERTO tanto na definición territorial como na incorporación de axentes colaboradores.
  • Tendo en conta as COMPETENCIAS
  • SEN PRECEDENTES. Non existe experiencia acumulada sobre como afrontar unha pandemia de semellantes dimensións nin sobre como anticiparse ao que queda por diante.

Desde as alcaldías mostran preocupación as dimensións deste novo paradigma: as medidas sanitarias, a emerxencia social, seguir achegando a educación e a cultura á sociedade e, por suposto, a recuperación da actividade económica e do emprego. 

Concordamos coa  FEMP, que a principios do mes de abril lanzaba as “Medidas económicas extraordinarias para paliar os efectos económicos do coronavirus”. A súa xunta de portavoces recoñece nese documento que:

Hai sectores vitais da estrutura económica dos nosos municipios que hai que recuperar: o pequeno comercio e os sectores de proximidade, as pemes, os autónomos, etc. E as políticas activas de emprego e de rescate ás persoas son tarefas nas que os concellos poden e queren actuar inmediatamente, aínda que se trate de competencias doutras administracións, porque os concellos, como entidades máis próximas á cidadanía, responden sempre con inmediatez e eficacia.

Este é o primeiro paso dun percorrido dos concellos, desde as súas competencias e contando cos seus recursos.

RESUMO DO TRABALLO REALIZADO

  • Realizáronse enquisas a empresas dos 14 concellos e a técnicos das áreas de Desenvolvemento Local.
  • Perfiláronse catro retos de futuro.
  • Definíronse cinco eixos estratéxicos e sesenta liñas de acción.
  • A diagnose revela que se estaba nun momento de recuperación da actividade económica e de diminución do paro ata o mes de febreiro.
  • Apoio da Deputación Provincial da Coruña.
  • Este plan é impulsado por 14 concellos da Costa da Morte, pero está aberto tanto territorialmente como na definición das accións.

A investigación levada a cabo e as achegas recibidas permiten definir catro retos para o plan de acción:

1) Economía e emprego. Trátase de conseguir que se recuperen e manteñan a actividade económica e o emprego a través da satisfacción das vellas e novas demandas e con base nos recursos do territorio e as súas características.

2) Territorio. Trátase de desenvolver o potencial do noso territorio como espazo no que asentarse e creador de riqueza, tendo en conta o seu carácter rural e costeiro.

3) Demografía. Débese mellorar a estrutura demográfica, caracterizada por unha alta porcentaxe de persoas xubiladas, para facer sostible o territorio.

4) Sociedade artellada. Preténdese asentar un novo modelo de xestión, que incorpore a todos os axentes da cadea de valor do territorio, para que exista cooperación e se creen sinerxias.

Eixos estratéxicos:

1) Talento. Activar o talento das persas do territorio e de fóra para encamiñar un futuro sostible económica, social e ambientalmente, a través da participación, a implicación profesional e política e o recoñecemento.

2) Gobernanza. Idear redes e ferramentas de colaboración que creen sinerxias entre concellos, empresariado, asociacións, outras administracións públicas e a sociedade en xeral.

3) Reactivación da actividade económica. Reactivar a actividade empresarial e o nivel de emprego, facilitando a reconversión dos negocios para que se adapten ao novo paradigma.

4) Consumo e comercio de proximidade. Concienciar a poboación para que consuma produtos e servizos producidos, creados e subministrados polas empresas locais.

5) Valorización do rural. Potenciar o asentamento de persoas e de empresas e o uso do rural para actividades diversas.

As directrices establecidas polo comité técnico para a elaboración deste plan son as seguintes:

  • Plan realista e realizable. Téñense en conta as capacidades técnicas e financeiras das entidades impulsoras.
  • Realidade socioeconómica. Tense en conta a realidade socioeconómica do territorio, as súas características propias, os seus puntos fortes e debilidades.
  • Impacto da COVID-19. Considérase como incide a crise sanitaria no territorio e as súas consecuencias na actividade económica e no emprego.
  • Intelixencia colectiva. Búscase a implicación de axentes locais e supralocais, públicos e privados para que acheguen os seus coñecementos, a súa experiencia e a súa visión de futuro.
  • Recursos locais. O plan debe adaptarse á capacidade e recursos dos concellos e os axentes que colaboren na súa implementación.
  • Inclúense no plan as propostas a outros entes ou administracións para os asuntos que non se poidan acometer desde a administración local.
  • Visión a curto, medio e longo prazo. Téñense en conta as problemáticas socioeconómicas que é necesario acometer no curto prazo, pero tamén se trata de ter unha visión a medio e longo prazo que contribúa á consolidación da actividade económica e do emprego.
  • Efecto psicolóxico. A incerteza, a vulnerabilidade e todos os sentimentos que a situación desencadea inflúen negativamente no estado de ánimo das persoas, por iso é importante pasar á acción, ofrecer solucións e aproveitar a gana de volver á normalidade e buscar un futuro máis seguro.

Ámbito territorial

Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Vimianzo, Zas, Muxía, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra, Mazaricos e Carnota.

Descarga o documento que recolle as propostas