Coincidindo coa reapertura dalgúns establecementos no noso municipio, esta semana o Concello de Carnota pon en marcha unha campaña de concienciación sobre a prevención de contaxio por COVID19.

A campaña vai dirixida aos usuarios e usuarias de todos os establecementos carnotáns que estean prestando servizo de atención directa á clientela, pero moi especialmente ao sector do comercio.

A partir de mañá o Concello porá a disposición das empresas un cartel onde se  especificarán unhas recomendacións básicas de prevención do contaxio por COVID 19 en establecementos.

Como xa sabedes, Galicia atópase dende o pasado luns 11 de maio na fase 1 da xa coñecida como “desescalada”, na cal se permite certa actividade económica e de socialización. Porén dende o Concello de Carnota, consideramos que é imprescindible continuar tomando as medidas de prevención recomendadas polas autoridades sanitarias para evitar o contaxio por COVID19. 

Precisamente queremos evitar que esta flexibilización nas medidas xere relaxación por parte da poboación. Temos que  ser conscientes de que o coronavirus non desapareceu e debemos adoptar medidas preventivas e de respecto para evitar contaxios e crear ambientes seguros.

Aproveitamos para agradecer á veciñanza, en xeral, o seu comportamento nestes momentos tan complicados e mostramos o noso máis sentido pésame a todas aquelas persoas que por desgraza, perderon a algún familiar ou padecen a enfermidade.

E recorda que protexéndote ti estarás protexendo aos demais tamén.