No BOE do sábado 9 de maio publicouse a Orde que recolle as medidas relativas á aplicación da Fase 1 do Plan de transición cara a unha nova normalidade, así como os territorios nos que que aplicarán, como é o caso da Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Liberdade de circulación dentro dos límites provinciais

Nas unidades territoriais que entran na Fase 1 pódese circular pola provincia, illa ou unidade de referencia, respectando sempre as medidas de seguridade e hixiene, así como a distancia mínima de seguridade mínima de 2 metros, en grupos de un máximo de 10 persoas, se ben este límite non se aplicará entre persoas que convivan no mesmo domicilio.

  • Saídas infantís e franxas horarias

As Comunidades Autónomas poderán modificar o horario de saída dos menores de 14 anos. Poderán establecer que comece ata 2 horas antes ou que remate ata 2 horas despois, sempre mantendo a duración total da dita franxa. Isto afectará, polo tanto, ao resto de franxas horarias que poderán adiantarse ata 2 horas e finalizar ata 2 horas máis tarde.

No caso do noso concello, ao tratarse dun municipio de menos de 5.000 habitantes, as saídas están permitidas entre as 6:00 h e as 23:00 h, sen limitacións por franxas horarias.

  • Práctica deportiva

A orde permite o acceso da cidadanía ás instalacións deportivas ao aire libre, excepto piscinas e zonas de auga. Permítese a práctica deportiva individual ou aquelas que se poidan desenvolver por un máximo de 2 persoas, sempre que non manteñan contacto físico e cumpran co mantemento da distancia interpersoal de 2 metros.

Nos centros deportivos cerrados a práctica debe ser individual e con cita previa. Só poderá haber 1 persoa por adestrador e quenda e non se abrirán os vestiarios nin as zonas comúns.

A orde recolle tamén a actividade deportiva profesional e federada, autorizando o acceso aos Centros de Alto Rendemento e regula a actividade das Ligas Profesionais.

Non se autoriza a práctica da caza nin da pesca deportiva.

  • Hixiene laboral

En materia de hixiene e prevención no medio laboral, a orde establece que as quendas e os postos se modifiquen de forma que se asegure a distancia de seguridade interpersoal mínima de 2 metros entre traballadores.

Tamén se aplicarán estas medidas de distancia nos vestiarios, taquillas e aseos, así como en calquera outra zona común.

Débese instalar elementos de seguridade nos postos de traballo e prover os traballadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes autorizados no lugar de traballo así como outras medidas específicas que se detallan na orde para os diferentes sectores e servizos.

  • Comercio retallista

Os establecementos comerciais retallistas poden abrir se teñen unha superficie dun máximo de 400 metros cadrados. O límite máximo do aforo será do 30%, respectando a distancia mínima de 2 metros entre clientes, e poderán establecer un horario de atención prioritaria para maiores de 65 anos.

Os concesionarios de automoción, as estacións de inspección técnica de vehículos e os centros de xardinería e viveiros poderán abrir, calquera que sexa a súa superficie, aínda que deben facelo con cita previa.

Tamén se permite aos concellos a reapertura dos mercados ao aire libre, respectando a distancia de seguridade, limitando ao 25% os postos autorizados e reducindo a súa afluencia a menos de un terzo do aforo habitual.

A orde establece unha serie de medidas de hixiene comúns para os locais que abran ao público, como a limpeza e desinfección das instalacións polo menos dúas veces ao día, manter unha ventilación adecuada e o lavado e desinfección diaria da roupa de traballo. Tamén limita o uso do ascensor ou montacargas e o uso dos aseos por parte da clientela.

  • Perruquerías, centros de estética e centros de fisioterapia

No caso de servizos que non permiten o mantemento da distancia de seguridade interpersoal, como é o caso das perruquerías, centros de estética ou fisioterapia, deberase manter a distancia de 2 metros entre clientes e utilizar o equipo de protección adecuado ao nivel de risco que asegure a protección das persoas traballadoras e da clientela.

  • Terrazas de hostalería

A orde recolle a reapertura das terrazas de hostalería e restauración, limitando as mesas permitidas á metade das do ano pasado e garantindo a distancia mínima interpersoal de 2 metros.

En cada mesa ou agrupación de mesas poderá haber como máximo 10 persoas, aínda que este límite non se aplica no caso de que todas residan no mesmo domicilio.

Usaranse preferentemente mantelerías de un só uso, eliminaranse os produtos de autoservizo e evitarase o uso de cartas de uso común, entre outras medidas de hixiene que detalla a orde.

  • Hoteis e establecementos turísticos

Os servizos de restauración destes establecementos serán para uso exclusivo dos seus clientes. Prohíbese o uso de spas, ximnasios, miniclubs, zonas infantís, discotecas, salóns de eventos, etc.

Para estes establecementos a orde recolle medidas de hixiene específicas.

  • Centros que prestan servizos recollidos no Catálogo de Referencia de Servizos Sociais e Centros Educativos

Abriranse os centros que prestan servizos recollidos no Catálogo de Referencia de Servizos Sociais. Só cando resulte imprescindible, estes servizos e prestacións atenderanse de forma presencial á cidadanía.

Os centros educativos e universitarios abriranse para a súa desinfección, acondicionamento e para a realización de funcións administrativas, garantindo sempre unha distancia interpersoal de 2 metros. Os directores dos centros educativos determinarán o persoal docente e auxiliar necesario. En todo caso, disporase dun protocolo de limpeza e desinfección cuxos detalles se recollen na orde.

  • Bibliotecas, museos e espectáculos culturais

As bibliotecas públicas e privadas poderán abrir ao público só con servizo de préstamo e devolución de obras, así como información bibliográfica e bibliotecaria. A orde establece medidas específicas de seguridade e hixiene para estes espazos.

Os museos poderán abrir reducindo o seu aforo a un terzo para cada unha das súas salas e espazos públicos. As visitas serán individuais ou de unha unidade de convivencia, ata 10 membros. Os visitantes deben dispoñer dos seus propios medios de autoprotección para poder acceder aos museos.

Nos espazos cerrados onde se desenvolvan actos e espectáculos culturais poderán acceder un máximo de 30 persoas. Se son ao aire libre, o aforo será dun máximo de 200 persoas. En todo caso, débese respectar a distancia interpersoal de 2 metros. Para iso, ademais de reducir o número de asentos e evitar o paso de persoas entre filas, facilitarase o acceso e saída gradual e non se prestarán servizos complementarios coma o de cafetería.

  • Velorios, enterros e lugares de culto

Nos velorios poden estar un máximo de 15 persoas se se trata de espazos ao aire libre e 10 en espazos cerrados, convivan ou non no mesmo domicilio. Aos enterros poden asistir un máximo de 15 persoas. En todo caso, deben respectarse as medidas de seguridade e hixiene.

Permítese a asistencia aos lugares de culto, sempre que non se supere un terzo do seu aforo e se respecten as medidas de seguridade e hixiene. As persoas deben usar máscara e previamente débense desinfectar os espazos. Non se permite o uso de auga bendita nin as ablucións rituais, entre outras medidas.

As persoas con síntomas de COVID-19, aquelas que teñan a enfermidade diagnosticada ou que estiveran en contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada, deben continuar illadas.

Ligazón á orde: https://www.boe.es/eli/es/o/2020/05/09/snd399/con

Guía da Fase 1: https://www.lamoncloa.gob.es/serviciosdeprensa/notasprensa/sanidad14/Documents/2020/09052020_GuiaFase1.pdf