O lugar elixido por Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre para a gravación do vídeo do segundo single do seu novo disco, “As catedrais silenciadas”, foi  a praia de Carnota e a zona da Boca do Río, onde a pequena Sofía Souto Carballido aparece bailando co maxestoso Monte Pindo ao fondo. Sofía, segundo comenta o propio músico, “baila co mar”.

Illas de Sal é unha xota inspirada nunha peza que o recoñecido etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax recolleu na zona de Corcubión hai máis de 60 anos. A partir desta composición orixinal Xabier crea o seu novo single “Illas de Sal”.

Tivemos a oportunidade de ver en directo a Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre  hai apenas dous anos, durante a festa do “Víndemo Ver” que organiza o Concello cada Semana Santa, e estaremos encantados de que se poida  repetir en canto sexa posible.

O Concello de Carnota, comprometido coa cultura e o turismo, quere mostrar o seu agradecemento a Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre por elixir Carnota para a gravación deste segundo single.