Achégase o 17 de maio, Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao ferrolán Ricardo Carvalho Calero (1910-1990), historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor que traballou arreo pola dignificación do idioma e da cultura galegas.

Xa anunciamos con anterioridade que, debido á crise sanitaria provocada pola Covid19 a Real Academia Galega pospuxo todos os actos presenciais programados arredor do Día das Letras Galegas e adiou para o 31 de outubro o pleno extraordinario que celebra cada 17 de maio.

Do mesmo xeito,  no Concello de Carnota pospuxemos a programación cultural artellada arredor da celebración das Letras Galegas e agardamos desenvolver as actividades presenciais que tiñamos previstas tamén en outubro, se as circunstancias o permiten.

Porén, non podemos pasar por alto unha data tan sinalada no calendario cultural galego. Queremos festexar as Letras en maio! Dende aquí, convidamos a toda a veciñanza a conmemorar connosco o Día das Letras Galegas na rede.

#AsLetrasnaRede é unha proposta dirixida a toda a cidadanía, sen límite ningún, impulsada coa intención de visibilizar e poñer en valor a figura de  Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado este ano, e a literatura galega en xeral.

Participar é moi sinxelo e ademais ten premio! As persoas que se sumen á iniciativa recibirán como agasallo un libro en lingua galega adecuado á súa idade, en canto a situación sanitaria o permita.

Como participar?

Estas son as posibilidades:
  • Grava un pequeno vídeo lendo, recitando ou dramatizando un texto de Carvalho Calero, de calquera autor ou autora en lingua galega ou unha creación propia en galego.
  • Fai unha fotografía, unha ilustración ou outra creación plástica sobre Carvalho Calero, algún autor ou autora do panorama literario galego ou a súa obra.
  • Envíanos a túa creación a cultura@carnota.gal ou a través do messenger de Facebook me/concellodecarnota e compartirémola nas nosas redes durante o mes de maio.
  • Debes indicar os teus datos e os do autor ou autora e obra de que se trate.