O Concello de Carnota continúa prestando servizos á cidadanía grazas ao teletraballo. Case a totalidade de xestións pódense realizar con normalidade a través da sede electrónica, teléfono, correo electrónico ou redes sociais. Porén, para algúns dos profesionais, como o persoal de limpeza, brigadistas, servizos sociais ou policía local o traballo presencial e inevitable e mesmo están vendo incrementada a carga de traballo nestes meses de confinamento.
Como xa vimos informando nos últimos días, ademais das tarefas que se viñan desempeñando con normalidade, durante o estado de alarma estes profesionais realizaron labores de desinfección de espazos, colaboraron na organización e reparto de máscaras e outros materiais de protección, material escolar, alimentos, medicación e desenvolveron tarefas diversas orientadas a cubrir as necesidades das persoas máis vulnerables.
Pero todo este esforzo non ten sentido sen a colaboración da cidadanía, que polo xeral, está a responder de forma moi favorable. Mais, lamentablemente, temos que dar conta de excepcións.
Por este motivo, pedimos máxima colaboración da veciñanza para manter limpa a nosa contorna evitando tirar residuos, aveños, entullos, electrodomésticos e outros trebellos fóra dos colectores habilitados para tal efecto.
Nestes momentos que atravesamos, as prioridades son outras e non podemos malgastar os recursos, polo que estas malas prácticas serán sancionadas. Informaremos destas medidas nos puntos de recollida de lixo.
Rogámoslle á veciñanza que faga uso do Punto Limpo sempre que sexa posible. Poden consultar máis información sobre o servizo e horarios no seguinte teléfono: 981838908 (COREGAL).





