Son semanas de sobreinformación, pero sen dúbida, por reiterativo que sexa, a maior das insistencias debe ser nos protocolos que debemos aplicar cada un/ha de nós para protexermos e protexer aos demais: as medidas hixiénicas, a saír da casa só para o básico (e con racionalidade) e as precaucións que se deben tomar se notamos algún síntoma. Repasemos: 

1. Respectar o confinamento

Significa que durante o Estado de Alarma nin nós podemos saír, nin tampouco que nos veñan visitar á casa familiares ou amizades que, obviamente, tamén deben permanecer nos seus domicilios.

Só podemos saír da casa por razóns imprescindibles e xustificadas:

  • Desplazamento ao lugar de traballo (traballadores/as por conta allea e persoas autónomas que realizan tarefas esenciais).
  • Desplazamentos curtos autorizados polas autoridades competentes como por exemplo aos cultivos de autoconsumo ata 500m do domicilio.
  • Cita médicas concertadas autorizadas polo Centro de Saúde.
  • Aprovisionamento de bens de primeira necesidade como ir buscar medicamento á farmacia e facer compras de produtos básicos: alimentos, produtos de hixiene e limpeza, etc.
Tanto se imos á farmacia como se nos achegamos ao súper ou á nosa tenda habitual, debemos atender as indicacións preventivas do persoal, manter  unha separación mínima de 1,5 metros, procurar permanecer o tempo imprescindible, etc.

Debemos procurar mercar só o que precisemos realmente e en cantidade suficiente, sen facer acopios masivos de productos que, se cadra, non necesitamos ou non na cantidade que botamos no carro. Recordade que hai practicamente de todo, pero debemos pensar en quen veña facer a compra despois de nós.

Procuraremos pagar usando a tarxeta ou o móbil, mantendo sempre ese metro e medio de separación con respecto a quen nos cobre ou quen nos atenda.

2. Medidas de hixiene de mans e de hixiene respiratoria:

A mellor medida de prevención é o correcto e frecuente lavado de mans, usando auga e xabón ou algún xel hidroalcólico. Se se tuse ou se estornuda, hai que facelo contra un pano de papel ou ben contra a parte interior do cóbado. Procurar non refregar os ollos, a boca ou o nariz aínda que non saiamos da casa.

En canto á hixiene respiratoria, debemos tapar a boca e o nariz ao toser e estornudar coa parte posterior do cóbado ou cun pano desbotable que tiraremos ao lixo despois, ademais de lavar as mans.

Recordamos que as mascarillas convencionais -as de tipo cirúrxico que leva a maioría da xente- non nos garanten protección ante contaxios. É máis, incluso poden ser contraproducentes se non se utilizan ben ou se reutilizan. Segundo a OMS, o coronavirus contaxiase por inhalar pingas da tose ou dos estornudos de persoas infectadas, ou ben por tocar superficies onde puidesen caer esas pingas e despois tocar os ollos, a boca ou o nariz sen ter as mans perfectamente limpas.

3. Protocolos a seguir se tes síntomas e para persoas COVID-19 positivo

Lembrade que podemos ter o coronavirus e non chegar a padecer os síntomas da COVID-19 (a enfermidade causada polo virus). En calquera caso, os sinais comúns descritos polas autoridades sanitarias son: cansanzo, febre, tose seca e certa dificultade para respirar.

Se notamos algún destes síntomas leves, en primeiro lugar deberemos manter a calma e non acudir nin ao centro de saúde nin tampouco ao hospital. En vez diso hai que chamar ao 900 400 116 habilitado polo SERGAS para que nos dean as indicacións precisas.

Só en casos de síntomas máis graves ou outras urxencias deberemos chamar ao 061. 

Ademais, o SERGAS ten habilitado un AUTOTEST en liña. [VER LIGAZÓN]

En caso de positivo domiciliario: debe evitar calquera contacto co resto da familia, ata o punto de permanecer só nunha habitación con boa ventilación e se é posible con baño propio, sempre afastado alomenos 2 metros de calquera outra persoa da familia.

Mellor que sexa unha única persoa quen  atenda as súas necesidades (levarlle a comida, lavarlle a roupa e a louza, etc.), e debidamente protexida con luvas.

A persoa confinada ten que xestionar os seus propios resíduos meténdoos nunha bolsa (1) que despois ha de pecharse e introducila nunha segunda bolsa (2) tamén pechada que se debe botar no colector do xenérico (3).

Estar en corentena nunha habitación non significa estar en rexime de incomunicación. Por iso, é imprescindible que teña canda si o teléfono para poder pedir o que precise e para falar co resto da xente da casa ou con outros familiares.

No caso das persoas soas sen rede de apoio poden contar coa axuda do Concello nos seguintes teléfonos, así como de precisar outra información:

Teléfono xeral do Concello: 981 85 70 32

Servizos Sociais: 647 459 358, 610 228 526 e 671 423 618

Protección Civil e Policía Local: 617 444 740 e 666 113 344

#QuedaNaCasa #coidate #coidamonos