Como cada ano por estas datas ten lugar a cita de promoción turística máis importante do país. O alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido e a tenente de alcalde, Mercedes Noceda, acudiron a FITUR xunto con representantes de outros concellos da Costa da Morte, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia co fin de colaborar na promoción turística do noso territorio.

Este ano, Carnota forma parte de tres grandes propostas presentadas durante a Feira Internacional de Turismo de Madrid que son: La Vuelta, na cal Carnota volverá a ser unha vez máis unha das protagonistas desta etapa a nivel turístico ofrecendo impactantes imaxes como pode ser a xa mítica estampa da Praia de Carnota e o Monte Pindo que se proxectarán en todo o mundo. O valor engadido é que nesta ocasión a etapa que vai dende Muros ao Ézaro e que transcorre por Carnota será contrarreloxo. O Gran Fondo Ézaro é outra das iniciativas que defende este ano a Deputación da Coruña durante a súa presentación e por último a presentación por parte do presidente da CMAT, Iago Toba, de “Catro formas de vivir Costa da Morte intensamente” a través dun vídeo e unha guía que recollen estes catro valores de marca da Costa da Morte:

  • “Carácter mariñeiro” representa a influencia da costa na nosa terra a través dos oficios do mar, a gastronomía e artesanía, pero tamén o amplo abano de actividades deportivas e de turismo mariñeiro que se ofertan nos nosos concellos.
  • “Naturalmente salvaxe” busca transmitir a paisaxe agreste, os cantís, as praias e as espectaculares rutas que conforman unha xeografía única e difícil de atopar noutro lugar do mundo.
  • “Máxica e espiritual” personificada no misticismo das lendas, romarías e festividades relixiosas e pagás e no propio Camiño de Santiago.
  • “Tradicional e profunda”, trata de pór en valor o folclore da zona, a tradición vencellada ao patrimonio, as feiras, mercados…