“Contos do mar” é un proxecto conxunto no que participan o Concello de Carnota, a Confraría do Pindo e os Concellos de Fisterra e Dumbría. Esta iniciativa, que conta con financiamento do GALP 4, pretende recuperar parte da historia viva dos tres municipios a través de vídeos de historias vividas polos propios veciños e veciñas co obxectivo de que non se perda toda esa riqueza e que se poida seguir transmitindo de pais a fillos.

Onte comezaba na Confraría do Pindo a primeira sesión conxunta de recollida de información, relatos e historias de Carnota. As historias de vida que se vaian rescatando neste proxecto poderán estar ao alcance de todos e todas a través dunha páxina Web onde se subirán os vídeos das persoas que participaron no proxecto contando en primeira persoa historias de especial relevancia, formas de vida, anécdotas ou incluso historias que non viviron pero que lles contaron os maiores.

A información recollida durante as diferentes sesións servirá ademais para a elaboración das audioguías ficcionadas. Cada Concello deseñará un roteiro, identificando as localizacións recollidas nos relatos das historias de vida, para que logo quen poña os auriculares nos oídos poida ver, oír e sentir todo aquilo que nos van contando de maneira teatralizada.