O Concello de Carnota organiza por segundo ano a Mostra Internacional de Cinema Documental «Mares da fin do Mundo» que terá lugar na Lonxa Vella de Lira entre os días 29 e 30 de novembro.

Dúas xornadas de cinema e actividades paralelas da que é a única mostra internacional de cinema documental de Galicia centrada e comprometida co medio ambiente mariño e a pesca sostible. Unha mostra que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar un dos nosos recursos naturais máis valiosos, asi como por en valor os oficios tradicionais dende unha perspectiva global e moderna. Un ano máis, a mostra conta co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración de ABA Films e Asociación Cultural Canle.

A presentación oficial aos medios e a veciñanza será o xoves 28, ás 12:00 h no salón de actos do Concello.  

Programa da Mostra

O acto inaugural da Mostra terá lugar o venres 29 ás 17:00 h, seguida polas proxeccións dedicadas ao audiovisual galego coas curtametraxes No borrar da memoria (2015) de Xacobe Meléndrez e Salitre nas veas (2017) de Adrián Canoura, a mediometraxe Homes de xeo (2017) de Carlos Prado e a longametraxe Entre a onda e a rocha (2017) dirixida por Manuel Lógar.

O sábado, 30 de novembro comezaremos por facer a entrega de premios do 2º Concurso de Fotografía Mariñeira, seguido da entrega de diplomas do Obradoiro cinematrográfico Mar de Lira (traballos que estarán expostos na Lonxa Vella no transcurso da Mostra). A partir das 17:30 h comezarán as proxeccións da sección internacional con: A onda da alma (Francia, 2018) de Sébastien Daycard-Heid e Bertrand Dévé, Mulleres das Augas (Brasil, 2016) de Beto Novaes e O remate da liña (Reino Unido, 2009) dirixida por Rupert Murray.

Arredor das 20:30 h concluiremos esta 2ª edición de Mares da fin do mundo cun recital de poesía a cargo de: Xosé Iglesias, Francisco X. Fernández Naval, María Lado, Alexandre Nerium e Manolo de Lago

(*) Todos os documentais proxéctanse en versión orixinal subtitulada ao galego.

Prema na imaxe para descargar o programa cos horarios e sinopses dos filmes da Mostra:  

Máis información na web da mostra Mares da fin do mundo