Con motivo do 30 aniversario da Convención dos Dereitos da Infancia, o Concello de Carnota organizou un acto no que participou o alumnado e profesorado de 3º a 6º de primaria do CEIP do Pindo e CEIP de Carnota.

Esta xornada estivo organizada polo Departamento de Servizos Sociais, Igualdade e Benestar, que unha semana antes grazas ao apoio de Arabías, desenvolveu obradoiros nas aulas de 5º e 6º dos CEIPs. Nestas sesións, a rapazada coñeceu un pouco máis sobre a Convención e os Dereitos de Nenos e Nenas, sobre os seus dereitos e sobre a importancia de coñecelos e de esixilos!

Hoxe a mañá, no salón de plenos, a rapazada tivo a oportunidade de mostrar o traballo realizado nas aulas. Todos e todas elaboraron murais sobre os seus dereitos, que estarán expostos a partir de mañá nas paredes do centro sociocultural do Viso (Escola Municipal de Música – ESMU).

A xornada de conmemoración tamén abriu unha porta á participación infantil. As rapazas e os rapaces puideron falar co Alcalde e coa Concelleira de Servizos Sociais, nunha charla aberta falaron sobre futuros proxectos!

#CiudadesAmigas #Unicef #DereitosdaInfancia #ConvencióndosDereitos #CarnotaAmigadaInfancia

Xa á tardiña, para concluír a celebración destes 30 anos da Convención dos Dereitos do Neno e da Nena sumámonos a iluminar #GaliciaDeAzul, na que con Unicef Galicia os edificios institucionais simbolizamos este Día Mundial da Infancia, os avances conseguidos e lembramos a importancia de seguir traballando polo benestar de todos os nenos, nenas e adolescentes.