Un ano máis, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Carnota formará parte da campaña En Negro contra as Violencias.  “Carnota en negro”. Calquera pode participar nesta campaña. Propoñémosvos vestir de loito o noso municipio en sinal de dó por todas as mulleres que sofren violencia e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte. A veciñanza ten o protagonismo, e pode transmitir unha mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos Carnota libre de violencias machistas! Do 18 ao 25 de novembro, viste a túa casa, tenda, comercio, empresa, bar, local, etc, de negro. Dende a Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Benestar facilitarémosvos o material necesario. Esta campaña desenvólvese conxuntamente con máis dun cento de vilas e cidades galegas baixo o lema “En Negro Contra as Violencias”, co obxectivo de poñer sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de toda a cidadanía.

#EnNegroContraAsViolencias   #contraasviolencias   #GaliciaEnNegro

       

Información xeral sobre a Campaña En negro contra as violencias