Esta mañá, reuníronse na casa consistorial, o alcalde, Juan Manuel Saborido Rama, xunto ao arquitecto municipal José Carlos Leis, co Xefe de Demarcación de Costas, Rafael Eimil Apenela co obxecto de tratar sobre a conservación e mellora do borde litoral carnotán.

Nesta xuntanza, o alcalde trasladou propostas de novos modelos de xestión das insfraestruturas costeiras a Través de Tragsa ou outras entidades en casos como o da conservación e mantemento das pasarelas de madeira no litoral, algo compartido con moitos concellos pequenos que asumen con poucos recursos o elevado custe deste mantemento. Zonas como o paseo do Pindo, a ponte da Boca do Río (que data do Prestige), ou o paseo de Lira (do 2011) van quedando obsoletas e a man de obra e os materiais son un custe demasiado alto para as arcas municipais.

Proposta de novas infraestruturas

Asi mesmo, Juan Manuel Rama propuxo novas insfraestruturas, nalgúns casos actualizando proxectos como o da senda que enlace O Pindo e O Ézaro (elaborado no ano 2006), cunha parte dunha pasarela-voladizo, e outra zona de beirarrúa ata a ponte. Unha insfraestrutura que ademáis de paseo melloraría a seguridade vial do tramo.

Outra das infraestruturas solicitadas, sería continuar o paseo dende Mar de Lira, ata o principio da praia de Carnota, na Malladoira, aproveitando os camiños dos mariñeiros, en zona de servidume, unindo as poboacións da costa dende Punta Ínsua até Caldebarcos. Neste caso, a demarcación de Costas enviará aos enxeñeiros  para estudar a viabilidade para a posta en marcha deste proxecto. 

Aproveitamento do faro de Lariño

Outro dos temas a tratar foi a viabilidade e licencia administrativa para a apertura como hotel do Faro de Lariño, un proxecto paralizado dende hai dous anos. O responsable de Costas en Galicia, Rafael Eimil deriva e eleva esta cuestión á Dirección Xeral de Madrid, xa que son varias as administracións que interveñen nesta localización: Autoridade Portuaria, Costas e o Ministerio de Fomento. 

O alcalde ten previstas varias reunións para tentar desbloquear a situación de abandono e deterioro do faro de punta Ínsua.