A Axencia de Lectura Municipal (ALM Carnota) e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carnota organizan o ciclo de actividades para este mes de outubro «Temos moito conto!!!» para todos os públicos (rapazada a partir de 3 anos).

Teatro, contacontos, música e monicreques encherán as tardes dos venres, a partir das 17:30 h no salón de actos do Concello (entrada libre até completar o aforo do local) coas seguintes actuacións:

  • 11 de outubro: «Contos nas orellas» con Bea Campos – Migallas Teatro. Contos de risa, trasnos e carapuchiñas. A tradición oral da man da literatura infantil. Co ritmo das ondas no noso maxín, entraremos no mundo da fantasía e da imaxinación… onde nenos/as e maiores poderán gozar das historias e da música.
  • 18 de outubro: «Xogo revolto» con Teatro Marionetas Trécola, cunha obra de monicreques que ensina de xeito divertido a educación emocional e en valores como a empatía. 
  • 25 de outubro: «O ratiño presumido», contacontos da man de Trinketrinke Teatro. A gran Lilí Gruyére vén de recibir un importante encargo profesional: a dirección do musical “A ratiña presumida”. Despois de reflexionar sobre os valores que transmite este conto, decide facer a súa propia versión: “O ratiño presumido”. As crianzas e mais as mamás e papás participarán na desmontaxe de prexuízos en favor da igualdade entre homes e mulleres.

Este ciclo conta co apoio da Deputación da Coruña, os programas Apego e Ler conta moito da Xunta de Galicia e do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.