Dende o 19 de agosto, o edificio socio-cultural do Viso acolle a exposición con pinturas de Nando Lestón (Canedo, 1966), Doademo que paredes!. A mostra permanecerá aberta até o vindeiro domingo 15, en horario de 11 a 14h.

Aínda que a súa obra está visible no concello (como o grupo de esculturas “Segunda pel” no miradoiro de Louredo), esta é a primeira vez que expón en Carnota. Un motivo máis que aproveitamos para falar co artista, sempre accesible, deste proxecto, que como o conxunto da sua obra, xorde da reflexión persoal do mundo actual.

Concello Carnota (CC). Non é a primeira vez que colaboras con nós, pero sí que expoñes, xa tocaba?

Nando Lestón (NL): Sí! É a primeira vez en vinte anos de profesión que expoño en Carnota, supoño que ter que ganarse a vida da pintura e da escultura vai aparellado a certo exilio profesional, que non emocional, pois sempre que tiven ocasión,nos medios, deixei ben claro cales son as miñas orixes.

CC. Ese “exilio” tamén pasa porque sexas un dos artistas carnotáns con máis proxección…

NL. As artes son vanidosas, certamente, pero o imperativo vital manda, e nesta profesión a única maneira de sobrevivir é tendo éxito. Vivimos del, traducido en que se nos recoñeza tanto socialmente como no noso ámbito; como ves, a esixencia é máxima. O rural nunca estivo para chorradas artísticas… ferreiros, carpinteiros ou capadores eran máis necesarios, pero tamén hai que deser que a falta de permeabilidade do rural, a súa propia comprensión do mundo, onde a maior parte das veces era loado o que viña de fóra e ignorado o propio, atomizou un modelo de pensamento no que, as veces, dase o paradoxo que che coñecen máis fóra que na tua propia casa.

CC. Pero as cousas van cambiando, non si?

NL. Certo, o rural vai vendo pouco a pouco as posibilidades que ofrece a arte na súa función de interpretar e transformar o mundo nunha realidade máis humana e menos mercantil, e como poder usala en beneficio propio, sen estar encasillada como nas grandes urbes.

CC. Qué atoparán @s visitantes na exposición?

NL. Diría que cunha forma de facer… Chegarán nun intre concreto da miña vida no que penso e fago nese preciso intre. Se hai algo que se poda dicir da miña traxectoria e que o tamaño da miña inquietude e proporcional á miña variedade discursiva! difícil centrarse nunha soa cousa, a brevedade da vida impera e o discurso social manda. Xunto a cada cadro, a cartela explica o porqué de cada obra e o que penso.

 

 

 

 

Arrimado ó postigo do cuberto, miraba como miña nai e miña tia facían xabón. Un avión pasaba alto por riba da “Legüiña”, daquela era todo un acontecemento. Meu avó viña de vagar cara á nosa casa, con parsimonia. Cando chegou xunta min espetoume:

– E que fas aí, meu home? facerse vello é unha merda, pero arrimado aí ó postigo sen pintar nada coido que é muito pior… faste vello sen te dar conta!.

– E que estou pensando – retruqueille.

– Pois pensa menos e xoga máis, que os rapaces ten que xogar, recoño!

Entón fun xogar… e pensaba mentres xogaba… que pintaba eu…

Cos anos fíxenme pintor e agora… xogo, penso e pinto.

Nando Lestón

Vivir de pensar