O Concello de Carnota impulsa este mes de setembro a Campaña de Prevención e de Sensibilización contra as violencias machistas: Súmate á Igualdade (+=!). Durante tres meses coordinaranse diferentes actividades dirixidas a mulleres, a familias, a crianzas e a toda a veciñanza.

O traballo desenvolvido arredor da formulación do IV Plan Municipal de Igualdade evidenciou necesidades e demandas nas que nos poñemos a traballar. As máis salientables relaciónanse coa prioridade de pór en marcha esta campaña, como por exemplo a necesidade de revisar e de traballar a prol de relacións afectivo-sexuais máis igualitarias e baseadas no bo trato no eido da adolescencia, ou na creación de redes de apoio, mecanismos de autodefensa e de fortalecemento da autoestima das mulleres. Ademais, no proceso participado da elaboración do IV Plan Municipal de Igualdade tamén se apuntaba a necesidade de traballar pola concienciación da reprodución de roles e estereotipos de xénero no marco das relacións familiares ou noutros ámbitos como o cultural e o deportivo. Así, marcábase como necesaria a posta en marcha de alternativas culturais, deportivas e de lecer que rachen co sexismo.

Tendo en conta o exposto, a Campaña de Prevención e de Sensibilización contra as violencias machistas: Súmate á Igualdade (+=!) ofrece un abano de actividades centradas na educación pola igualdade e no apoderamento das mulleres.

Setembro:

  • Obradoiro NÓS MESMAS: un espazo propio de mulleres para coñecernos e traballar por unha vida libre de violencia machista (inscrición aberta, obradoiro que terá lugar os xoves 12, 19, 26 de setembro e 3 de outubro, de 18 a 20 horas na Casa da Mariñeira).
  • Ciclo de charlas centradas na coeducación, corresponsabilidade e igualdade de xénero: un espazo de reflexión con familias e con entidades deportivas para rachar  co machismo.

Outubro:

  • Obradoiro centrado na autodefensa persoal.

Novembro:

  • Obradoiro de autocoñecemento para o fortalecemento persoal: un espazo para traballar a autoestima a través de estratexias vivenciais.
  • Obradoiros artísticos feministas: diferentes espazos nos que traballaremos arredor de disciplinas artísticas, para rescatar o papel desenvolvido polas mulleres e ao mesmo tempo reflexionar sobre o poder de transformación do feminismo.
  • Actividade lúdica cultural: un espazo de reflexión e participación arredor da incidencia das violencias machistas nas nosas vidas.

 

Para consultar o Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes prema aquí

Para consultar a versión resumida do Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes prema aquí

Para consultar e descargar o material divulgativo e de sensibilización prema aquí

Visita o noso perfil nas RRSS (facebook e twitter)

Este proxecto elabórase grazas ao financiamento recibido pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a cargo dos fondos do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.