O Concello de Carnota ven de celebrar a XXVIII edición da Carreira das Areas, unha das carreiras populares con máis atractivo da zona. A proba, incluída dentro do circuito Correndo pola Costa da Morte, tivo lugar o pasado domingo 18 de agosto.  Este ano superouse o número de inscricións de outros anos chegando a alcanzar os 1.026 inscritos. Tamén foi un éxito en canto a participación superando o 85%. 

A gran novidade desta XXVIII edición, foi o cambio de ubicación da saída e meta que este ano se celebrou no enclave do Hórreo de Carnota. Alí tivo lugar tamén a entrega de trofeos por parte do alcalde, Juan Saborido, da tenente alcalde, Merche Noceda e do concelleiro de Deportes, Rafael Riveiro. Os premiados foron galardonados cunha figura dun hórreo con ondas que representa dous dos lugares de referencia de Carnota.

Durante toda a mañá do domingo celebraronse distintas probas ata finalizar a xornada ca carreira absoluta de 10 quilómetros.

O primeiro en completar a proba 10K foi Cristian Muíño con un tempo de 36 minutos e 35 segundos. En segunda posición fíxoo o santiagués Amador Pena. Na categoría femenina a gañadora foi Tina Fernández con un tempo de  41’32”  e María González, en segundo posto, en 42 minutos e 20 segundos.

Na carreira de 3 quilómetros o gañador foi Martín Regueira que completou o traxecto en 11 minutos e 3 segundos. A gañadora femenina na 3k foi Barca Toba con  un tempo de 13’44” seguida moi de cerca de Paula Esteiro, Apolonia Bermúdez e Lupe Lodeiro.