Onte martes día 30, rematou o Obradoiro de Emprego comarcal Sete Fontes entre os Concellos de Muros e Carnota, coa clausura e a entrega de diplomas.
Neste Obradoiro dual vinte alumnos/as formaron parte nas especialidades de Atención sociosanitaria e interpretación e Educación ambiental.
Ao acto acudiron a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, e o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, acompañados polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, e polo persoal técnico, docente e directivo do Obradoiro.
A alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, destacou a necesidade da actuación das administracións locais no ámbito da formación, co fin de mellorar a empregabilidade da veciñanza e procurar a súa inserción efectiva e adaptada no mercado laboral.
Pola súa banda, Juan Manuel Saborido, “Moma”, destacou a importancia das dúas especialidades, xa que son reflexo das necesidades da comarca, e a necesaria colaboración entre os dous concellos para desenvolver proxectos conxuntos e impulsar iniciativas que posibiliten o desenvolvemento do territorio.
O delegado territorial, resaltou o interese da Xunta de Galicia en levar adiante proxectos duais de traballo-formación, máis cando as especialidades en cuestión, coma neste caso, van ter unha porcentaxe de inserción moi alta, por daren resposta á necesidade de persoal cualificado nos ámbitos dos servizos sociais e da promoción do medio ambiente. Así mesmo, destacou na súa intervención “a importancia de mellorar a cualificación dos galegos e galegas para favorecer o seu acceso ao mercado laboral e dar resposta, á vez, ás necesidades reais dos principais sectores produtivos da Comunidade”. Explicou, neste senso, que os cursos de formación e emprego se adaptan ás necesidades das empresas da contorna. Nesta liña, apuntou que “as estatísticas demostran que o 60% dos participantes logran atopar un emprego nos primeiros seis meses e incluso antes de rematar a súa formación, o que pon en evidencia a utilidade destes obradoiros”.
Ademais, anunciou boas novas para a comarca de cara á consecución dun novo obradoiro de emprego, que aparecerá publicado en datas próximas (Obradoiro Xuvenil As Fontiñas).
O obradoiro de emprego contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 316.000 euros.
Os traballos prácticos de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio realizáronse nos concellos de Muros e Carnota e as prácticas de Interpretación e educación ambiental tiveron lugar no Museo do Mar e no Pozo do Cachón, en Muros, e en Carnota con persoal de turismo e medio ambiente.