O Concello de Carnota presenta a programación cultural para o mes de maio, impulsada pola Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, arredor da celebración do Día das Letras Galegas. O programa está conformado por un conxunto de actividades para público infantil e familiar, cuxos obxectivos principais son promover o uso da lingua galega na primeira infancia, fornecer recursos de apoio á crianza en galego e crear espazos de interrelación e intercambio de experiencias favorables para o uso do idioma e a súa valoración positiva.

A voar | Cé Orquestra Pantasma

Espectáculo musical baseado no libro-disco A voar. Un conto para soñar con música para brincar. Cantando e bailando, ao son do enérxico ritmo de Cé Orquestra Pantasma, coñeceremos a historia que mudou a vida de Xoana. A Voar pretende axudar as crianzas a reivindicar a confianza necesaria para satisfacer as necesidades de liberdade, movemento e xogo libre.

Data e horario: 6 de maio ás 17:30 h.

Público destinatario: nenas e nenos a partir de 2 anos, acompañados de ata dúas persoas adultas.

Inscrición previa: ata o 6 de maio, ás 14:00 h.

Prazas: 30.

Comerá o bebé? | Cris de Caldas e Xabi do Camiño

Contos, poemas, xogos de mans e música en directo, con Cris de Caldas e Xabi o do Camiño, que presentarán unha magnífica recompilación da nosa tradición oral, coa comida como fío condutor… Comerá o bebé?

Data e horario: 15 de maio, ás  17:30 h.

Público destinatario: nenas e nenos de 6 meses a 3 anos, acompañados de ata dúas persoas adultas.

Inscrición previa: ata o 15 de maio ás 14:00 h.

Prazas: 25.

Deveribés | Mamá Cabra

Con Gloria Mosquera e a súa banda, cantaremos e bailaremos ao son dos temas máis coñecidos de Mamá Cabra, cancións que quedaron nas nosas memorias e que seguen facendo fans miúdos aló por onde pasan.

Data e horario: 31 de maio, ás 17:30 h.

Público destinatario: familias con nenas e nenos a partir dos 3 anos.

Entrada libre, sen inscrición previa, ata completar o aforo do local.

Todas as actividades terán lugar no salón de actos do Concello de Carnota.

Nas actividades suxeitas a inscrición previa, as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Inscricións:

 

Servizo de Normalización Lingüística

981 106 331 – 981 857 032

cultura@carnota.gal