A Escola de Vela “Cataventos”, presentou o martes, no salón de plenos do Concello, a décimo quinta edición do programa “O Mar na Escola 2019, Xogando co Vento”, un proxecto no que participarán cerca de 500 alumnos/as de diversos colexios e institutos dos concellos de Camariñas, Cee, Dumbría, Fisterra, Corcubión, Muxía, Laxe e, por primeiro ano Carnota, co patrocinio de Stolt Sea Farm. A iniciativa desenvolverase ao longo dos meses de marzo, abril, maio e xuño e conta, ademais, coa colaboración da Federación Galega de Vela e a Secretaría Xeral para o Deporte, que a incluíu no programa “Xogade”.

Á presentación oficial acudiron: Manuela Gómez e Emilio Ferro, representantes de Prodemar, Stolt Sea Farm; Roberto García, xefe do Servizo de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte; Manuel Villaverde, presidente da Real Federación Galega de Vela; e algúns representantes dos concellos que colaboran e participan neste programa: Ramón Noceda Caamaño, alcalde de Carnota; José Marcote,  alcalde de Fisterra; Ricardo Facal Castiñeira, primeiro tenente de alcalde do Concello Laxe; Fran Puga, técnico de Deportes do Concello Camariñas; Carlos Pazos, técnico de Deportes Concello de Corcubión e Diego Castiñeira, técnico de Deportes do Concello de Muxía.

Un programa consolidado

Este ano o programa cumpre a súa décimo quinta edición, coa adhesión de novos centros escolares e concellos (Concello de Laxe, CPI Cabo da Area; Concello de Carnota: CEIP do Pindo, e CEIP de Carnota), unha proposta que amplía o currículo escolar  de Coñecemento do Medio e de Educación Física dun xeito innovador e próximo.

Así, os escolares recibirán formación teórico-práctica en biodiversidade dos mares e océanos, sobre os ventos, acuicultura, correntes e mareas, ademais de teoría da navegación a vela e seguridade no mar. Trátase de favorecer o achegamento da mocidade ao mar e ao seu contorno, a través da práctica do deporte. Poderán aproximarse ao medio no que viven, valorar e coidar os recursos do mar e da ría, aprender nocións básicas de navegación e practicar a navegación a vela lixeira, sempre nun ambiente lúdico e establecendo a mellor relación entre alumnado e monitorado.

Ademais, nesta edición convocarase o “II CONCURSO DE DEBUXO STOLT SEA FARM” para todo o alumnado participantes. A temática versa sobre “A crianza do rodaballo” e ten por obxectivo dar a coñecer a acuicultura e as granxas sustentábeis que a empresa ten ao longo da costa galega.

O proxecto finalizará en xuño coa entrega de diplomas a cada participante e unha orla para os centros escolares na que aparecerá todo o grupo.

Máis información na páxina de Facebook do programa “O Mar na Escola”.

As entidades participantes este ano son:

Concello de Camariñas: CEIP PONTE DO PORTO, CEIP O AREAL e IES PERA DA AGUA; Concello de Cee: COLEXIO MANUELA RIAL MUZO E CEIP EUGENIO LÓPEZ; Concello de Dumbría: CEIP SANTA EULALIA; Concello de Fisterra: CEIP MAR DE FÓRA, CEIP AREOUTA E COLEXIO NST SRA DEL CARMEN; Concello de Corcubión: CEIP PRAIA DE QUENXE; Concello de Muxía: CEIP VIRXE DA BARCA, CEIP VILLARMIDE, CEIP OS MUÍÑOS e IES RAMON CAAMAÑO.

Novas incorporacións: 

Concello de Laxe: CPI CABO DA AREA e Concello  de Carnota: CEIP DO PINDO e CEIP DE CARNOTA.