A Concellaría de Igualdade e Diversidade do Concello de Carnota aposta este mes de marzo polo feminismo e a prevención de violencias machistas. Durante varias semanas desenvolveranse diferentes obradoiros dirixidos a mulleres.

O primeiro deles terá lugar no Pavillón Lamas de Castelo o sábado 16 de marzo. Trátase dun obradoiro de AUTODEFENSA para mulleres que durará tres horas e media, dende as 18:00 até as 21:30. O traballo centrarase no apoderamento feminista como ferramenta integral cambio e de prevención. O obxectivo é a toma de conciencia das violencias para lograr combatilas dende o persoal e como colectivo. Traballaranse tanto técnicas físicas, como emocionais, psicolóxicos ou relacionais.

O segundo leva por nome NÓS MESMAS e terá lugar os venres 22 e 29 de marzo na Casa da Mariñeira en horario de 18:30 a 20:30. Este obradoiro ten como obxectivo fortalecer a autoestima, a prevención de violencias machistas e a participación e o liderado feminino. Nesta ocasión traballarase a través de dinámicas vivenciais e participativas para así reflexionar sobre experiencias e as emocións, ademais de apropiarse de ferramentas baseadas no apoderamento feminista.

Para participar nestes obradoiros é necesaria inscrición previa, presencialmente ou chamando ao Departamento de Servizos Soiciais e Igualdade: 981857032 (ext. 2).