O alcalde Ramón Noceda acudiu a Oviedo o pasado 27 de novembro ao acto de entrega dos VIII Recoñecementos CiDADE AMIGA DA INFANCIA, galardón que UNICEF lle concedeu ao Concello de Carnota, en recoñecemento polo compromiso que o municipio ten cos dereitos das nenas, dos nenos e dos adolescentes.

Este selo vén recoñecer todo o traballo realizado no marco do proxecto “Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia” dende decembro de 2017. Dende aquela, a Concellería de Igualdade e Diversidade estivo a traballar en espazos formativos e de participación coas rapazas e cos rapaces. A partir deste traballo construímos unha diagnose da situación da poboación infante e adolescente, para logo formular o I Plan Municipal de Infancia e Adolescencia. Este proceso culminou coa aprobación do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia, un espazo de participación que pretende dar voz á rapazada.

Grazas a todas e a todos os que participastes neste proxecto, contribuíndo a que isto sexa unha realidade.

O alcalde de Carnota, Ramón Noceda (á esquerda) xunto con outros representantes de concellos galegos que recibiron o distintivo

Os representantes dos concellos galardonados a nivel nacioanal