A Concellaría de Igualdade e Diversidade leva traballando dende finais de 2017 no proceso de acreditación do selo de UNICEF do Programa Cidades Amigas da Infancia. O pasado venres 28 UNICEF resolveu o proceso outorgando o selo acreditativo a Carnota como un Concello Amigo da Infancia.

O recoñecemento posiciona a Carnota como Concello que ten en conta os dereitos, intereses, necesidades e opinións das rapazas e dos rapaces como unha peza fundamental.

Este selo abre un abano de oportunidades para traballar en rede con outros concellos galegos e do estado. Neste senso as rapazas e os rapaces de Carnota poderán participar en numerosos espazos de intercambio de aprendizaxes e experiencias a nivel galego e español.

O TRABALLO REALIZADO

Nestes últimos meses o equipo técnico da Concellaría estivo a traballar en diferentes espazos. Elaboráronse diferentes obradoiros con rapazas e rapaces arredor do tema da participación e da análise do territorio. Por outra banda, coordinouse a Escola de Cinema de Mar de Lira no marco da I Mostra de Cinema de Mares do Fin do Mundo, o obxectivo foi que as rapazas e os rapaces elaborasen o seus propios vídeos para mostrar á veciñanza as súas opinións. Ademais, o 20 de novembro o Concello de Carnota convocará un Pleno Municipal co gallo do Día Internacional dos Dereitos da Nena e do Neno. Neste espazo están convidado o alumnado dos tres centros educativos. Semanas antes o equipo técnico da Concellaría traballará coa rapazada cuestións relacionadas cos espazos de xogo e dos dereitos da infancia, o obxectivo é que as rapazas e os rapaces teñan voz no pleno e trasladen as súas opinións á corporación municipal.

Se queres saber máis sobre o proxecto, preme no seguinte enlace: https://www.carnota.gal/proxecto-carnota-amiga-da-infancia