O Concello de Carnota ven de celebrar a primeira edición da Mostra Internacional de Cinema Documental “Mares da Fin do Mundo” con éxito de afluencia na Lonxa Vella de Lira, onde se proxectaron filmes galegos e internacionais sobre o mar e a pesca sostible, durante os días 12 e 13 de outubro.

Ademais, dentro das actividades paralelas á Mostra, os asistentes puideron gozar por un lado da Exposición Fotográfica sobre o mar e a pesca tradicional, froito do 1º Concurso de Fotografía organizado polo Concello de Carnota, e por outro lado da Escola de Cinema Mar de Lira, onde a xuventude de Carnota demostrou a súa creatividade audiovisual, nunha actividade formativa e didáctica desenvolvida dende o programa Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia.

Para rematar cada unha das xornadas, contamos coa actuación do grupo vigués Igmig o día 12 e o sábado 13 con Mounqup.

Ao evento asistiron convidados especiais como a Deputada Provincial de Cultura e Normalización Ligüística, Goretti San Martín, ou Knut Bjørn Lindkvist, coorganizador do Festival Nordkapp en Noruega, evento colaborador da nosa mostra. Lindkvist participou tamén xunto co director noruegués Knut Erik Jensen na súa película sobre o comercio do bacallau, proxectada en Lira. Tamén contamos coa presenza de Marcos Gallego, director técnico da Mostra e productor de dúas das películas proxectadas na sección do venres, “O cerco de Portosín” e “Lira”, galardonada con varios premios en festivais internacionais.