Hoxe, no salón de plenos do Concello de Carnota, tivo lugar a presentación á prensa da I Mostra de Cinema Documental de Galicia “Mares da Fin do Mundo”, centrada no mar e na pesca sostible nas rexións periféricas do océano Atlántico, que terá lugar na Lonxa Vella de Lira os días 12 e 13 de outubro.

Trátase dunha mostra comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar un dos nosos recursos naturais máis valiosos.

Con este evento o Concello de Carnota pretende concienciar sobre o valor dos nosos recursos marítimos e, ao mesmo tempo, apostar pola desestacionalización do turismo, ampliando a oferta cultural durante a vindeira ponte do Pilar.

As proxeccións, que terán lugar a partir das 18:00 horas, abranguen dúas xornadas: a do venres día 12, onde serán proxectadas dúas curtametraxes e unha longametraxe, producidas en Galicia e con versión orixinal en lingua galega; e a do sábado día 13, onde se proxectarán dúas curtametraxes e unha longametraxe, de produción internacional en versións orixinais subtituladas o galego. (Ver díptico informativo).

Tamén haberá actividades complementarias como unha exposición fotográfica relacionada co mar e a pesca tradicional e a Escola de Cinema Mar de Lira, unha actividade formativa e didáctica promovida dende o programa Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia do Concello de Carnota, a través da cal os máis cativos poderán desenvolver a súa creatividade audiovisual.

Para rematar cada unha das xornadas contaremos cos concertos do grupo vigués Igmig e de Mounqup, que terán lugar os días 12 e 13, respectivamente, a partir das 22:00 horas.

Máis información: www.maresdafindomundo.gal ou  www.carnota.gal