O vindeiro luns, 1 de outubro, comeza o curso 2018/2019 na Escola Municipal de Música de Carnota coa reunión de familias e alumnado, que terá lugar no salón de actos do Concello ás 19:30 h. O martes xa haberá clases no Viso, nos horarios asignados.
Na reunión de inicio de curso trataranse temas coma os horarios do alumnado, o calendario lectivo, as normas da escola, os festivais e a presentación do profesorado, aínda que isto último case non é preciso, pois a maioría das mestras e mestres levan entre 10 e 20 anos traballando na ESMU e son vellos coñecidos na localidade carnotá. A directora da escola reitera sempre a mesma frase: “Por que cambiar cando algo funciona?”. E é que as cinco mestras e mestres conforman un gran elenco e cada curso suman máis e máis alumnado. Aínda así, para os novos ou despistados, lembramos que o equipo de mestras e mestres está constituído por Castor Montes (guitarra, baixo e guitarra eléctrica), Carlos González (batería, combos, linguaxe, congas e percusión), Moncho Domínguez (gaita, coral polifónica e música tradicional), Pilar García (música e movemento, linguaxe, canto, saxofón e clarinete) e Alianza Uhía (dirección, linguaxe musical e piano).
Nun concello coma Carnota, pequeno e con pouca poboación, chama poderosamente a atención que unha escola de música teña tanta matrícula para estudar durante o curso, tanto no que se refire á rapazada como ás persoas adultas; e é que non só hai matriculadas persoas de Carnota, se non que contamos tamén con alumnado de concellos da contorna, como Dumbría, Cee ou Muros.
Unha vez máis, este curso a ESMU superou o número de matrículas, alcanzando a cifra de 170 alumnas e alumnos.
A escola conta con varias agrupacións como unha coral polifónica, un coro infantil, dous combos de música tradicional, varios combos de música pop e rock, un grupo de pandeireteiras, linguaxe musical para nenos/as, linguaxe musical para persoas adultas e música e movemento (para nenas e nenos de educación infantil). E, como non, conta cun gran número de clases individuais ou duais de instrumento como piano, guitarra española, canto, batería, congas, baixo eléctrico, guitarra eléctrica, gaita, saxofón, acordeón, clarinete, frauta traveseira, clarinete ou canto.
Unha longa traxectoria para esta escola que nunca deixa de sorprender!