Torre dos Mouros

Tipoloxía: Recinto amurallado (defensiva-vixía)
Cronoloxía: Época Tardo-Antiga ou Altomedieval
Parroquia: Santa María de Lira
Lugar: Miñarzo
Altitude: 320 m
Descrición do entorno: Monte Baixo.
Accesibilidade: dificultade baixa.

Torre dos Mouros

Como chegar

A través da Senda Verde: Indo dende Lira é o primeiro destino que atopamos na Senda.
Dende a AC-550 en Lira dirección Muros, desvío á esquerda á altura do km. 29. A 2,2 km. atopamos a mesa explicativa ao pé da porta de acceso.

 

Acceso

Está situado ao pé da senda. Aos poucos metros de pasar a cancela que pecha a zona, observamos o camiño empedrado, duns 20 metros, que sube ao recinto superior a través das murallas, acceso orixinal desta fortificación. Resulta doado o acceso.

 

 

Descrición

A Torre dos Mouros é unha imponente fortificación de inicios da Idade Media. Ubicada nun outeiro rochoso, ten unha privilexiada vista de 360º que abrangue dende Monte Louro (Muros) ata o Cabo Fisterra.

A fortificación consta de diferentes elementos:

– Un sistema de dobles murallas que pechan este recinto de dúas hectáreas de extensión. As murallas considéranse momumentais tanto polo grosor, de ata cinco metros, coma pola súa altura que debeu de ser destacable, e ter en conta a cimentación de 3-4 metros de profundidade. Serían perfectamente visibles dende o mar.

– Dous recintos internos, o principal na parte baixa, a explanada á que accedemos ao atravesar as murallas. Un segundo recinto, na parte elevada, un reduto de máis difícil acceso e que contaría cun peche perimetral propio. Polo momento non é posible determinar o uso destes recintos nos que hai evidencias da existencia de construcións de carácter efímero.

– A entrada é tamén monumental, orientada cara o porto de Lira, nun claro sentido disuasorio fronte posibles ataques dende o mar.

Este amplo recinto de carácter monumental presenta características diverxentes respecto dos habituais do Noroeste peninsular (os castros) ou dos pequenos castelos ou torres da súa contorna. As técnicas construtivas defiren tamén das empregadas nos castros, o que xunto coa ausencia de restos materiais (cerámicas que xustifiquen o uso doméstico), falan dun uso diferente a estes. Segundo o estudo dos vestixios e do contexto construtivo, estaría deseñado para acoller a unha comunidade de xeito puntual, en momentos concretos que se corresponderían con aqueles de maior virulencia das razzias viquingas, ataques máis centrados nas épocas de navegacións máis favorables (primaveira e verán). Depois do s. XII, co cese dos ataques, deixaría de usarse como refuxio e pasaría a un uso agro-gandeiro.

O lugar puido ser recuperado por medio dunha iniciativa de arqueoloxía pública dos veciños de Lira e voluntarios.

 

Bibliografía

“Gravados rupestres nos montes de Carnota”
José Cernadas Sande.
tresCtres Editores.
Santa Comba (A Coruña) 2008.
TOMO V – CATÁLOGO  PLAN GENERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL – CONCELLO DE CARNOTA  DOCUMENTO PREVIO A LA APROBACIÓN INICIAL EQUIPO REDACTOR: SCQ TAU territorio, arquitectura y urbanismo SLP ABRIL 2013.