Rego Lamoso

Tipoloxía: Petróglifo
Cronoloxía: Idade do Bronce
Parroquia: Santa Comba de Carnota
Lugar: Mallou
Altitude: 210 m
Descrición do entorno: Monte Baixo de toxos.

Rego Lamoso

Acceso

Tomando como referencia o camiño que vai dende Mallou ata o cruce coa pista da Senda Verde e dende este cruce a uns 485 metros en dirección aos petróglifos de Prousos Magos, chegamos ao desvío cara a esquerda. Logo de andar uns 200 metros pasando por unha zona de eucaliptos, o camiño comeza a subir á beira dun muro de pedra que vemos á nosa esquerda. A uns 100 metros máis ou menos, en dirección norte xa ollamos o outeiro e un panel informativo aos seus pés.

 

 

Descrición

Os petróglifos do Outeiro de Rego Lamoso sitúanse sobre un outeiro rochoso que destaca sobre o entorno. Trátase dun complexo e variado conxunto de petróglifos nos que destacan catro agrupacións con coviñas, representacións de armas, círculos concéntricos e rebaixes cadrados.

No primeiro grupo formado por varias laxes de superficie rugosa que apenas levantan do chan, compóñense de varias coviñas de diferentes formas e tamaños, algunhas delas semellantes a pegadas humanas, todas elas moi visíbeis. Destacan pola súa importancia tres representacións de armas similares a espadas curtas ou puñais, das que a maior ten unhas dimensións de 62 x 19 cm. O tamaño do suco é de 2´5 x 0´5 cm de profundidade. A de máis ao oeste, cunhas dimensións de 43 x 18 cm, está incompleta pola parte da empuñadura. A representación situada máis ao norte ten unhas dimensións de 45 x 11 cm e está unida ao tramo de suco que comunica unha coviña cunha fenda que sae ao exterior da pedra. Completan estes gravados unha pequena combinación circular máis un motivo zigzag.

Tres metros ao norte deste motivo están situados os gravados do segundo grupo situados nunha pequena laxe que sobresae uns 50 cm sobre o nivel do terreo. Están compostos por varias coviñas de diferentes formas e tamaños, algunhas comunicadas con trazos de suco

Uns catro metros ao nordés desta lousa sitúase o terceiro grupo na superficie de tres laxes de pequeno tamaño que apenas levantan entre 30 e 50 cm do chan. Están compostos por varios rebaixes cuadrangulares coas arestas redondeadas; os de maior tamaño están bordeados por trazos concéntricos coa mesma forma do rebaixe, e un deles está incompleto pola rotura que presenta a pedra nun estremo. Os dous rebaixes de maior tamaño teñen unhas dimensións similares de 15 x 15 cm e 1´5 cm de profundidade.

A uns catro metros ao noroeste das laxes do primeiro grupo sitúanse os gravados do cuarto grupo. Nunha laxe de pequeno tamaño óllanse unha combinación circular e varias coviñas espalladas ao seu carón. Nos arredores deste outeiro podemos ver varias coviñas de forma oval e cuadrangular.

 

Bibliografía

“Gravados rupestres nos montes de Carnota”
José Cernadas Sande.
tresCtres Editores.
Santa Comba (A Coruña) 2008.
TOMO V – CATÁLOGO  PLAN GENERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL – CONCELLO DE CARNOTA  DOCUMENTO PREVIO A LA APROBACIÓN INICIAL EQUIPO REDACTOR: SCQ TAU territorio, arquitectura y urbanismo SLP ABRIL 2013.