Castro de Mallou

Tipoloxía: Petróglifo
Cronoloxía: Idade de Ferro
Parroquia: Santa Comba de Carnota
Lugar: Mallou
Altitude: 116 m
Descrición do entorno: Monte Baixo e piñeiros.
Accesibilidade: dificultade baixa.

Castro Mallou

Como chegar

A un quilómetro cara o norte da Torre dos Mouros, atopamos o Castro de Mallou ao que podemos tamén acceder dende a aldea de Mallou, da que dista escasos 500 metros. Ao chegar ao punto marcado na pista, hai que ascender apenas 20 metros por un terreo doado para atopar a mesa interpretativa situada ao pé do Castro.

 

Acceso

Temos dúas posibilidades de acceso dende o punto no que se sitúa a mesa informativa:

  • ascender en liña recta atravesando a muralla ata chegar á plataforma interior
  • rodear pola esquerda o Castro e acceder pola que sería a entrada orixinal e monumental

O Castro de Mallou é un poboado fortificado da Idade do Ferro, pertencente a tribu dos galaicos “súper tamáricos” ou do norte do río Tambre. Considérase que puido estar en funcionamento entre os séculos III-IV a.C. e o I d.C..

Segundo contan as lendas, foi residencia da Raíña Lupa, polo que unha das penedas correspóndese coa súa cadeira. Hai anos apareceu nas murallas unha escultura dunha cabeza de porco bravo, que posteriormente foi roubada.

 

 

Descrición

O perímetro está rodeado practicamente na súa totalidade por dúas murallas separadas por un terraplén e reforzadas na cara sur cunha terceira muralla e un pequeno parapeto entre os que se localizaría un foxo. O conxunto conforma unha superficie aproximada de 1,38 hectáreas.

O recinto principal do castro ocupa unha superficie de forma ovalada de aproximadamente 4.450 metros cadrados. O seu estado de conservación non é tan bo como se desexaría, pois moitas das pedras que formaban as vivendas, estruturas rectangulares e circulares, foron aproveitadas noutros tempos para outros menesteres. Ademais das vivendas, entre os achádegos cabe destacar un posible alxibe, o corpo de garda, a presenza de escoura de ferro que indicaría unha posible ferrería, muíños naviformes e abundante cerámica.

Nos anos 2006/07 realizábase unha primeira actuación no recinto. Posteriormente, no 2013, o Castro recuperouse por medio dunha iniciativa de arqueoloxía pública participada polos veciños, voluntarios e o Concello de Carnota.

 

Bibliografía

“Gravados rupestres nos montes de Carnota”
José Cernadas Sande.
tresCtres Editores.
Santa Comba (A Coruña) 2008.
TOMO V – CATÁLOGO  PLAN GENERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL – CONCELLO DE CARNOTA  DOCUMENTO PREVIO A LA APROBACIÓN INICIAL EQUIPO REDACTOR: SCQ TAU territorio, arquitectura y urbanismo SLP ABRIL 2013.