A Laxe escrita

Tipoloxía: Petróglifo
Cronoloxía: Idade do Bronce (e outras sen concretar)
Parroquia: Santa Comba de Carnota
Lugar: Carnota
Altitude: 140 m
Descrición do entorno: Herbáceo, Monte Baixo, eucaliptos.

A Laxe escrita

Acceso

Detrás do Concello de Carnota atópase o Polideportivo Municipal e xusto ao seu carón atopamos un dos monolitos de referencia ubicado nundos accesos á Senda Verde. Ascendemos pola pista uns 700 metros, cunha pendente moderada, e achamos a mesa interpretativa ao carón da laxa no marxe esquerdo da pista nunha pronunciada curva. A laxa ten unhas dimensións de 11 x 6 m de superficie case plana e situada ao mesmo nivel do terreo.

 

 

Descrición

Os gravados repártense en varios grupos. A primeira agrupación ubícase sobre unha grande laxe a ras do chan, situada na marxe norte da pista onde se poden observar multitude de motivos, entre os que podemos citar varios cruciformes, combinacións circulares, así como uns gravados que semellan representar unhas embarcacións.As combinacións circulares, unhas dez aproximadas, presentan un trazo radial prolongado ao exterior, nalgúns casos incompletas, e cun diámetro que varía entre os 25 e os 60 cm. Destaca na zona central unha combinación circular de 74 cm de diámetro, inacabada ou desgastada por un estremo. Varía tamén a profundidade do suco destes gravados, presentando algunhas un suco máis áspero, posiblemente como consecuencia dun repicado posterior.

Na zona central da laxe podemos ver cinco embarcacións de vela que corresponderían á Idade Moderna. O resto dos gravados están compostos por varios símbolos de difícil identificación, algunha coviña de pequeno tamaño, así como un amplo catálogo de cruces máis ou menos complexas. Unhas cen cruces de sucos semellantes aos das embarcacións.

O segundo grupo está a 20 metros cara o oeste da laxe principal. Neste grupo hai representadas sobre unha pedra de gran tamaño tres combinacións circulares. A 100 m ao oeste está o terceiro grupo formado por un mínimo de tres combinacións circulares.

 

Bibliografía

“Gravados rupestres nos montes de Carnota”
José Cernadas Sande.
tresCtres Editores.
Santa Comba (A Coruña) 2008.
TOMO V – CATÁLOGO  PLAN GENERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL – CONCELLO DE CARNOTA  DOCUMENTO PREVIO A LA APROBACIÓN INICIAL EQUIPO REDACTOR: SCQ TAU territorio, arquitectura y urbanismo SLP ABRIL 2013.