Súmate á igualdade (+=)

#máisiguais+=!

A igualdade de xénero, unha prioridade fundamental na axenda política municipal.
Dende a Concellaría de Igualdade e Diversidade do Concello de Carnota estamos a traballar na elaboración do “IV Plan de Igualdade entre mulleres e homes” a través da campaña Súmate á igualdade (+=).
Este Plan constrúese grazas a un proceso participativo para detectar as necesidades e problemáticas en materia de igualdade de xénero, e especialmente aquelas que afectan ás mulleres de Carnota.
Por unha banda, estase a realizar unha diagnose sobre as desigualdades de xénero que se reproducen no municipio; xa sexa no ámbito laboral, no fogar, na escola ou na vida asociativa e comunitaria. Para lograr un estudo minucioso a Concellaría convocará diferentes encontros de traballo coa comunidade educativa, o sector empresarial, o tecido asociativo e con mulleres do municipio. O obxectivo é rescatar as opinións e percepcións da veciñanza.
Por outra, deseñarase unha folla de ruta para os vindeiros catro anos. Neste documento fixaranse grandes liñas de traballo que atravesarán as diferentes áreas municipais. O obxectivo da Concellaría é lograr que a igualdade de xénero sexa un tema transversal na vida municipal.
O proceso vai acompañado dunha campaña de sensibilización e educación en igualdade. Se queres coñecela, visita o noso perfil nas RRSS

Este proxecto elabórase grazas ao financiamento recibido da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP).