Eventos deportivos

BTT
O ciclismo de montaña é unha maneira saudable de facer deporte e gozar da natureza que cada vez atrae a un maior número de participantes. Por esta razón, o Concello de Carnota organiza anualmente unha proba BTT en Semana Santa, dentro da programación do Víndemo Ver. O percorrido faise pola zona de montaña de Carnota, internándose por sendeiros e pistas cunha gran riqueza paisaxística, cultural e turística.
A distancia varía dependendo da edición e pódense elixir dúas versións: a ruta longa ou a curta.

CARREIRA VIQUINGA
Trátase dun trail ou carreira de montaña que se celebra dentro da programación do Víndemo Ver. Unha cita que non se poden perder todos aqueles corredores aos que lles gusten o deporte e a montaña. Dende os 4 anos en diante, os participantes gozarán dunha paraxe natural incomparable, de tramos complicados, de pasos por cortafogos, de fonte naturais, etc.

CARREIRA DAS AREAS
A Carreira das Areas, na que a maior parte do seu percorrido transcorre pola inmensidade da praia de Carnota, é a proba máis antiga e de maior relevancia que organizamos no concello.
Esta carreira popular está incluída dentro do Circuíto Correndo pola Costa da Morte, promovido e organizado por un conxunto de 10 concellos da Costa da Morte.
A carreira inclúe máis de 10 categorías que engloban participantes dende os 4 anos. Cada ano o número de participantes é maior e, nunha das probas, o 100% da recadación obtida coas inscricións vai destinado á Asociación Provincial Contra o Cancro.