Economía

A economía de Carnota centrábase, ata hai ben pouco tempo, en actividades tradicionais, agropecuarias e pesqueiras; que eran a fonte de ingresos fundamental para os veciños.

A actividade pesqueira e mariñeira tiña gran relevancia económica e social xa que a riqueza mariñeira permitía a explotación dos recursos do mar que ocupaba a boa parte da poboación.

Durante os anos 50 e 60, coma no resto de Galicia vese diminuída a poboación debido á emigración á Europa Comunitario e aos Estados Unidos. Moitos homes fóronse tamén embarcados na mariña mercante ou ás plataformas petrolíferas do mar do norte.

É unha vila que dende sempre se preocupou por celebrar importantes feiras, onde os seus habitantes mercan produtos de primeira necesidade. Dende principios de século celebrábanse 3 importantes feiras mensuais, a máis importante na capital do municipio os días 20 e 25 de cada mes. Na actualidade celébranse todos os mércores en Carnota e todos os xoves no Pindo un mercado con produtos téxtiles e alimenticios.

Nos últimos anos foméntase a recuperación dos mercados tradicionais de venda de produtos locais. É de destacar a xa segunda edición do “Víndemo ver”, feira emprazada na Semana Santa, no centro da vila, que se oferta artesanía e produtos do agro e do mar; así mesmo inténtase dende o Concello fomentar a venta dos excedentes de produción agrícola e gandeira, como unha forma de economía complementaria das familias, celebrando unha feira cada primeiro sábado de mes.

Na actualidade no sector primario hai moi baixa ocupación. No secundario realízase un aproveitamento dos recursos mariños da zona, como as piscifactorías de Stolt Sea Farm SL, que se ve complementado con algunha fábrica de conservas. Tivo auxe no seu momento a construción, pero agora, como en todo o país, sufre a “crise do ladrillo” e xa este sector está en  total decadencia. A comarca posúe un potencial propio, sobre todo, no sector turístico, que oferta todo tipo de servizos para os diferentes segmentos de visitantes; praias, sendeirismo, deportes náuticos, etc.