En paralelo ao programa Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia, o Concello de Carnota está a traballar na elaboración do “IV Plan de igualdade entre mulleres e homes”, intentando que a igualdade de xénero sexa un tema fundamental na axenda política municipal.

A Concellaría de Igualdade e Diversidade do Concello de Carnota, a través da campaña Súmate á igualdade (+=), comezou un proceso participativo para detectar as necesidades e problemáticas en materia de igualdade de xénero, especialmente daquelas que afectan ás mulleres de Carnota.

No marco deste proxecto, a concellaría ten programadas diferentes actividades que se levarán a cabo durante os vindeiros meses.

Por unha banda, estase a realizar unha diagnose sobre as desigualdades de xénero que se producen no municipio, xa sexa no ámbito laboral, no fogar, na escola ou na vida asociativa e comunitaria. Para lograr un estudo minucioso, a concellaría convocará diferentes encontros de traballo coa comunidade educativa, o sector empresarial, o tecido asociativo e con mulleres do municipio. O obxectivo destas reunións é rescatar as opinión e as percepcións da veciñanza.

Por outra banda, deseñarase unha folla de ruta para os vindeiros catro anos. Neste documento fixaranse as grandes liñas de traballo que atravesarán as diferentes áreas municipais. O proxecto conta con perfís nas redes sociais (Facebook e Twitter: Súmate á igualdade). A través destas plataformas preténdese crear un espazo de sensibilización, concienciación e educación en igualdade. Ademais, tamén se facilitarán materiais divulgativos para os equipamentos públicos municipais.